A Concellería de Xuventude de Cangas considera “un éxito” o evento organizado durante toda a semana
22/7/07.- O Concelleiro de Xuventude, Óscar Graña, amosou a súa intención de continuar impulsando o Salón do Cómic de Cangas (Pontevedra) coa promoción do uso do galego na banda deseñada e a apertura do evento que se viña celebrando no Auditorio Municipal a outros espazos públicos da vila, como a Casa da Cultura, a capela do Hospital instalada no paseo marítimo ou as propias rúas canguesas. O propósito de Graña é “seguir mellorando”, para o que anunciou que nas próximas edicións tamén “se ampliarán o número e o tipo de actividades do programa, incluídas as exposicións”.
O edil nacionalista expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento do 11º Salón do Cómic de Cangas, que considerou “un éxito”. “Contamos cun importante cartel de debuxantes”, indicou en referencia ós convidados Juanjo Guarnido, Juan Díaz Canales, Kenny Ruiz e Fernando Iglesias. Óscar Graña estima que o Salón “ten un gran potencial”, por iso Xuventude apostou este ano por unha ampla difusión que “chegou fóra da comarca”.
Á boa acollida da iniciativa contribuíu tamén a inclusión de novidades coma a presentación da revista BD Banda con Kiko da Silva, un acto que, segundo o concelleiro, “encaixa moi ben na liña que queremos seguir de potenciar ós autores do país e a creación de tebeos en lingua galega”.
Altuna, embaixador inernacional do Salón
O responsable de Xuventude destacou a participación no 11º Salón do Cómic de recoñecidos autores fóra de cartel, entre os que subliñou a presenza do arxentino Horacio Altuna, quen asiste ó evento “ano tras ano, e xa amosou o seu interese por seguir participando”. Graña indicou, asemade, que este prestixioso autor “é un embaixador do Salón de Cangas en todo o mundo”, xa que moitas veces se encarga de convidar ós propios debuxantes e aconsellarlles que acudan.
O concelleiro fixo tamén especial mención a José Antonio Calvo, viñetista que colabora na organización do Salón dende hai varios anos e cuxo labor de asesoramento resulta moi necesario. “Faino moi ben e queremos que siga connosco”, sinalou Graña.
O edil amosou ademais a súa gratitude a todo o persoal da área de Xuventude, “que traballa máis alá do establecido e incluso fóra do seu horario habitual”, agradecemento que fixo extensivo “a toda a xente que botou unha man e a todos os colectivos que colaboraron” co 11º Salón do Cómic de Cangas.
Amais do labor organizativo, o departamento municipal fixo “un esforzo para que os autores convidados se sentisen o máis cómodos posible”, proporcionándolles non só as atencións obrigadas da estancia senón facilitándolles tamén alternativas de ocio e visitas para que coñeceran o contorno.
O 11º Salón do Cómic de Cangas clausurouse oficialmente onte sábado 21 tras unha sesión na que os autores convidados debuxaron para os asistentes e asinaron as súas obras, aínda que esta tarde continúa aberta ó público a exposición de orixinais que acolle o Auditorio Municipal. O programa do evento organizado pola Concellería de Xuventude prolongouse durante toda a semana con obradoiros de banda deseñada, proxección de filmes vencellados ó tebeo, entrega de premios do 9º Certame de Cómic e presentacións de revistas especializadas, entre outras actividades.