A MOZA DE CANGAS SUSANA BROULLóN GAñA O 11º CERTAME DE CóMIC COA OBRA ‘REC’
[Martes, 14 de Xullo do 2009]

O premio Viñeta Xove cae en Moaña e o da nova categoría para tebeos noutras linguas vaise a Sevilla
Unha moza da vila que xa resultara premiada en anteriores edicións gañou o 11º Certame de Cómic de Cangas (Pontevedra), organizado pola Concellería de Xuventude e Voluntariado con motivo do 13º Salón do Cómic. Susana Broullón, de 22 anos, alzouse co primeiro premio, dotado con 400 euros, grazas á obra ‘Rec’. Os 300 euros do segundo posto foron para Xavier Benítez, que concursaba dende Girona, mentres que a viguesa Laura Comesaña foi a terceira clasificada e levou 180 euros por ‘A Compaña’. A gran calidade dos traballos presentados este ano levou ó xurado a outorgar dous accésit, un a Pablo Álvarez, de Vigo, e outro a Sandra López, de Lugo.
O tebeo gañador deste 11º Certame de Cómic de Cangas, ‘Rec’, está protagonizado por dous nenos que xogan cunha cámara de vídeo, coa particularidade de que as imaxes se amosan coma se estiveran tomadas dende o propio obxectivo do aparello. Unha orixinal fórmula que se complementa cun estilo a medio camiño entre o manga e o cómic europeo. A autora confesa que é afeccionada ó debuxo dende que ten uso de razón. Acaba de rematar a carreira de Belas Artes en Barcelona e está a intentar introducirse no mundo das artes gráficas, pero no eido da banda deseñada é autodidacta.
O Certame de Cómic contaba nesta undécima edición cunha nova categoría para traballos presentados en linguas distintas do galego, dotada cun premio único de 300 euros que foi parar a Sevilla. Javier G. Monsalvett fíxose co galardón pola peza ‘El hombre que plantó un muro’, unha historia que debuxara cando era adolescente e que decidiu actualizar. O propio autor defínea coma “un cuento algo surrealista que trata sobre la soledad y de cómo el aislamiento puede llegar a destruirte”. Monsalvett traballa en distintas facetas do terreo artístico, sexa o debuxo, a pintura ou a música, e valora especialmente este premio por tratarse dun certame de Galicia, onde “hay una buena cantera de dibujantes y profesionales del mundo del cómic”.
En canto ó premio Viñeta Xove, de 100 euros, foi parar ás mans dun cativo moañés de tan só oito anos. Miguel Collazo gañouno con ‘O Mamarracho’, a historia de dous amigos que querían ir de picnic e se atopan co Mamarracho, que pretende atacalos. O autor novel pensou primeiro en tres personaxes divertidos e logo ideou o argumento. A Miguel gústalle moitísimo debuxar, sobre todo monstros, e confiaba en gañar este concurso porque todos os seus amigos lle chaman “o rei da risa”. Este pícaro de Moaña é moi afeccionado á lectura, as manualidades e a música.
Publicación e exposición
Os gañadores desta nova edición do Certame de Cómic de Cangas non só se verán recompensados cos premios en metálico, senón tamén coa exhibición dos seus traballos no marco do 13º Salón do Cómic, que se celebra a finais deste mes de xullo no Auditorio Municipal. Asemade, as obras galardoadas publicaranse no sétimo número da revista O Tebeo, editada polo Concello de Cangas.
O concurso, dirixido a mozos artistas de ata 35 anos, admitía traballos de creación propia e inéditos, presentados de xeito individual ou conxuntamente entre guionista e debuxante. Requeríase unha extensión de catro páxinas, agás para a Viñeta Xove, que podían ser dúas. O xurado, presidido polo concelleiro de Xuventude e Voluntariado, o nacionalista Óscar Graña, estivo integrado por cualificados artistas do eido da banda deseñada.





Susana Broullón, Miguel Collazo e Javier G. Monsalvett
REC (Susana Broullón)